Dende Cataluña, entendemos que España é un país plural con moita xente diferente e unha rica diversidade de opinións e crenzas. Refusamos relacionar nin culpar a tódolos españois coas accións represivas do Estado español. Hai españois que non queren que Cataluña se independice, mais cren que ten o dereito de decidilo por si mesma. E hai outros cidadáns do Estado que tamén quererían escoller pertencer a el ou non, de xeito libre.

Queremos darvos as grazas porque vimos mostras de apoio para a autodeterminación de Cataluña en moitas partes do Estado español. Ás veces é un rexeitamento á violencia do Estado, ás veces é un rexeitamento á incerteza que isto provoca, ás veces é un recoñecemento positivo ao dereito de cada demócrata de discutir as cuestións importantes de xeito aberto, construtivo, positivo e dialogante. Para chegar a solucións que satisfagan a tódalas partes, hai que falar, hai que escoitar.

Tamén sabemos que hai españois que non están de acordo co dereito de autodeterminación de Cataluña, mais aínda así non se senten representados polo Goberno español, nin polas accións das forzas policiais nin xudiciais en Cataluña.

Cremos que é difícil entender dende fóra a situación e o malestar que sentimos aquí. Nós vemos os medios españois e sabemos que en gran parte o que explican non é o que vivimos. Gustaríanos ensinarvos o que vivimos cada día. Non odiamos España nin aos españois. Pero non estamos dispostos a continuar nun Estado que non nos permite ser o que somos.

Nós cremos que tanto España como Cataluña se beneficiarían da independencia de Cataluña. E, aínda que recoñecemos que hai moitos españois que non o ven así, si que ven que todos nos beneficiaremos de que Cataluña poida escoller libremente o seu futuro. Manter Cataluña dentro de España pola forza é pernicioso para todos, social, democrática e economicamente.

Grazas. Agradecemos moito o apoio. Estamos seguros de que os fortes vínculos que hai entre os nosos pobos perdurarán a pesares de ter pasaportes diferentes.